Sunday 05 de May de 2024

O Concello de Oroso repartirá 3.170 euros en premios no seu Concurso de Disfraces de Entroido, que terá lugar o sábado 6 de febreiro


Inscricións no centro cultural de Sigüeiro ou no 981 690 903, ata o 5 de febreiro, ou o mesmo día do concurso no polideportivo

O Concello de Oroso vén de convocar o seu tradicional concurso de disfraces de Entroido, que terá lugar no polideportivo municipal de Sigüeiro na tarde do sábado 6 de febreiro. As inscricións poden formalizarse dende hoxe mesmo no centro cultural de Sigüeiro ou no teléfono 981 690 903 (de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas) antes do venres 53 de febreiro. Como en anos anteriores tamén se admitirán anotacións o mesmo día do concurso, neste caso no polideportivo en horario de 16:30 a 17:30 horas.

Para poder participar no concurso é obrigatorio tomar parte no desfile de Entroido que percorrerá as rúas de Sigüeiro ás 18:00 horas (salvo que as condicións meteorolóxicas o impidan). Unha vez rematado o desfile, o polideportivo acollerá o concurso de disfraces, que repartirá 3.170 euros en premios.

Como en anos anteriores, o Concello de Oroso establece dúas categorías: infantil (ata 16 anos) e adultos (máis de 16 anos), con tres modalidades: individual, grupo (de 2 a 5 compoñentes) e comparsa, nas que se designarán un gañador e un finalista. Deste xeito, na categoría adultos, as comparsas (mínimo 6 compoñentes) optarán a dous premios de 500 e 300 euros. Os grupos repartiranse dous premios de 350 e 220 euros; mentres que na modalidade individual competirán por dous premios de 250 e 180 euros. Na categoría infantil, os premios para as comparsas serán de 350 e 200 euros; os grupos competirán por 220 e 150 euros; mentres que os individuais optarán a 180 e 120 euros. Así mesmo, haberá un premio especial de 150 euros para a mellor comparsa do concello de Oroso.